Neste
ano de 2007, o Observatorio sobre Muller e Conflitos Armados ten
programado o lanzamento de unha obra monográfica Mulleres en conflito: presenzas e
ausencias e do número 4 de Asteriskos, Revista de Estudos
Internacionais e da Paz, dedicado á temática da muller nos
conflitos armados. Ambas publicacións sairán a luz no mes de
novembro.
.: Vol. 4 de Asteriskos. Revista de Estudos Internacionais e da Paz
Centrando
a abordaxe dos conflitos armados e as relacións internacionais desde a perspectiva de xénero,
a Asteriskos, Revista de Estudos Internacionais e da Paz, é unha
publicación periódica dedicada á teoría e investigación científica
(tanto con traballos teóricos como de campo) na área de estudos da
paz, relacións e seguranza internacional, prevención e resolución
de conflitos e mantemento da paz. Trátase dunha revista científica
de carácter semestral (cuxos números 1 e 2 xa se encontran publicados, estando o terceiro en fase de
publicación) que parte da multidisciplinariedade á hora de debater as problemáticas, na mesma liña que segue o propio Instituto.
Neste sentido, a dedicación do número 4 da revista á temática da
presenza feminina nos conflitos armados, especialmente á Resolución 1325 das Nacións Unidas, supón non soamente a
existencia de máis unha publicación que aborde tal temática, mais
sobre todo un espazo amplo e difundido de discusión, crítica e revisión do que se ten feito e do que se debe aínda facer para
colaborar coa difusión, coñecemento e recoñecemento deste papel desempeñado polas mulleres.
Estímase a
compilación dunha media de 15 a 20 artigos, de extensión aproximada de 7 mil palabras, ademais das reseñas e do editorial,
coa publicación estimada para setembro de 2007 e lanzamento para
novembro do mesmo ano. De todas as formas, o Instituto xa conta con cerca de 8 artigos escritos por
investigadoras de países como Inglaterra, Estados Unidos, Brasil, Portugal e España.
Seguindo a liña de edición de materiais do Instituto, Asteriskos
é unha publicación de carácter gratuíto, pois o seu obxectivo básico
é divulgar da forma máis ampla posíbel traballos de interese na área dos estudos da paz e resolución de conflitos. Por iso, ao
igual que as monografías e obras colectivas, preténdese editar unha tirada impresa que se distribuirá entre os autores,
bibliotecas de institutos, universidades e centros especializados
e unha versión electrónica, dispoñíbel de forma libre
e gratuíta no sitio web do Instituto para que calquera persoa poida consultar e descargar os contidos de forma total ou parcial
sen ningún tipo de rexistro previo ou pagamento.
Call
for papers
Asteriskos, Revista de Estudos Internacionais e da
Paz, anuncia a chamada de colaboracións para o seu quarto número,
previsto para novembro de 2007. Para este número específico, Asteriskos
estará centrada na investigación sobre as mulleres e os conflitos
armados, nas súas máis variadas vertentes. Como exemplo, a muller en
operacións de paz, mulleres e forzas armadas, a Resolución 1325 das Nacións Unidas, a construción da identidade
feminina nos conflitos, mulleres vítimas de conflitos armados, etc.
Calendario para o Vol. IV
Colaboracións: Marzo 2007 a 1 de Setembro 2007
Distribución: Novembro 2007
Envío de propostas
Os artigos deben ser orixinais, redactados ben en galego-portugués ou inglés. De todas as formas, consideraranse propostas noutras linguas. A copia do orixinal, a dobre espazo, debe enviar-se ata o 1 de Setembro de 2007 a:
asteriskos@igesip.org
Os artigos deben conter:
-páxina de título e subtítulo co nome do(s) autor(es),afiliación académica actual e enderezo postal e electrónico;
-os autores indicarán até sete palabras-clave;
-resumo (en inglés e galego) de 100-150 palabras;
-texto principal dunhas 7000 palabras, organizado cunha xerarquía clara de títulos e subtítulos;
-referencias inseridas no texto (autor, ano: páxina);
-de ser estrictamente necesarias, notas ao pé;
-táboas, figuras, deseños e ilustracións (orixinais) con contraste e calidade apropiados; estarán claramente identificadas e numeraranse consecutivamente;
-bibliografía (sistema Harvard) despois do texto;
-breve (até 5 liñas) biografía en folla separada;
-os autores son responsábeis das autorizacións oportunas dos títulares de dereitos de citas, ilustracións, etc;
-enviarase aos autores un exemplar do número no que os seus traballos foron publicados.
Reseñas
A revista inclúe unha sección con reseñas de monografías
relevantes á área de estudos; os textos, redactados de forma clara e racional, conterán ata
1000 palabras, a enviar ao enderezo electrónico devandito; os autores das reseñas tamén terán dereito a un exemplar do número no que foi publicado o seu traballo.
.:
Volume monográfico de Mulleres en conflito: presenzas e ausencias
Celebrando o marco da creación do Observatorio sobre Mulleres e
Conflitos, o Instituto Galego de Estudos de Seguranza Internacional e da Paz está organizando a monografía
Mulleres en conflito: presenzas e ausencias, que conta coa participación de
cerca de 20 investigadoras na área, oriúndas de Portugal, Brasil, Estados Unidos, España, Irlanda, entre outros.
Estas investigadoras vén de institucións coma a Fundação Getúlio Vargas,
a Universidade de Oviedo, a Universidade de Adelaide, a Universidade de
California, a Universidade Internacional de Florida, Universidade de
Granada, entre outras.
Os dezaoito capítulos, escritos especialmente para este volume, abordan baixo diversas perspectivas, e tendo como elemento guía a
Resolución 1325 da ONU, a problemática da aparición da figura feminina no ámbito bélico, cuestionando e debatendo as principais
cuestións que este fenómeno, cada vez máis frecuente, ven suscitando ao longo dos anos.