|
::
Presentación
O
Observatorio sobre Muller e Conflitos Armados, membro activo da Liga
Internacional de Mulleres pola Paz e a Liberdade (entidade con
status consultivo na UNESCO, UNICEF, UNCTAD, FAO, ILO e UN ECOSOC),
nace, en finais de 2006, da iniciativa do Instituto Galego de
Estudos de Seguranza Internacional e da Paz, organización
non-gobernamental para o desenvolvemento, sen ánimo de lucro e de
ámbito galego, creada coa finalidade de emprender investigacións
interdisciplinares nos terreos dos estudos da paz, seguranza, relacións
internacionais e resolución e prevención de conflitos, como tamén
accións de cooperación e educación para o desenvolvemento
naqueles sitios máis afectados polos conflitos armados.
Neste sentido, conscientes de que só se pode acadar unha sociedade
democrática, xusta e desenvolvida a través da consideración e da
valoración do papel da muller ao largo desta historiografía androcéntrica
que nos cerca, o Instituto decidiu lanzar unha nova liña de
investigación, abandeirada polo recentemente constituído
Observatorio sobre Muller e Conflitos Armados, que se centra no recoñecemento
e análise da necesidade de que as mulleres tomen parte activa na
toma de decisións nos procesos de prevención e resolución de
conflitos, denunciando, do mesmo xeito, as inxustizas e o sufrimento
ao que é sometido este sempre esquecido e menos valorado grupo
poboacional en tempo de guerra.
Desde a súa formación, o persoal responsábel ven traballando na elaboración dun amplo programa, a principio bianual, de actividades para os anos de 2007 e o vindeiro 2008, enfocadas nos diversos aspectos que envolven a presenza feminina nos conflitos armados e esencialmente baseadas na Resolución 1325 das Nacións Unidas, aprobada polo Consello de Seguranza en 31 de outubro de 2000, e froito das diversas discusións relacionadas ás cuestións de xénero que se levaran a cabo nos últimos anos nos terreos da paz e seguranza internacional.
Desta forma, o Instituto pretende traer á luz e á discusión, a través de obradoiros, xornadas e campañas informativas, exposicións e publicacións, tal temática que, non só por ser polémica, ten esixido cada vez máis atención e importancia por parte das autoridades e da propia sociedade.
©
Instituto Galego de Estudos de Seguranza Internacional e da Paz, 2007
|